- Cuartos
- Salón – Recepción San Vicente
- Salón – Comedor San Brais

- Biblioteca Tía Pepa

- Sala de Música San Sebastián
 
ampliar foto
ampliar foto
 
La Casa
 
Cuartos
Todos os cuartos da casa levan un nome diferente, cada un deles fai referencia a algúns dos barrios máis significativos da parroquia de Mañufe. Os cuartos teñen unha cor e unha decoración distinta que os converte en únicos, ao igual que cada un dos barrios desta parroquia.
 
Salón - Recepción San Vicente
Este lugar débelle o seu nome ao santo patrón de Mañufe: San Vicente. Un dos puntos neurálxicos é a recepción, lugar no que coinciden os que chegan e os que se van. O pazo é un lugar de descanso e recreo, onde sempre atoparás unha persoa que te informe de todo canto necesitas saber. Aquí mesmo, antiga bodega da casa, aínda se conserva o lagar, lugar onde se elaboraba o viño.

 
Salón - Comedor San Blas
A romaría de san Brais é unha das máis antigas e coñecidas do Val Miñor. O tres de febreiro, veciños do lugar e arredores acudían á igrexa de Mañufe para pedirlle ao santo que intercedese por eles. As principais peticións que se lle facían ao santo eran curar os males da gorxa.
Unha vez finalizada a misa, a xente adoitaba quedar polos arredores para gozar das delicias que preparaban e traían en cestas e celebraban así a festa en honra do santo. Hoxe en día, cada tres de febreiro, séguese festexando esta romaría.
Por todo o anteriormente citado, este comedor bautizouse co nome de San Brais, para que todo canto aconteza nel sexa unha auténtica romaría gastronómica, onde saborear os pratos máis típicos da zona.
Neste comedor sérvense tres comidas diarias —almorzo, xantar e cea— para todas aquelas persoas aloxadas na casa. O almorzo está composto, ademais de polo que habitualmente se toma (leite, café, cacao...), por alimentos como zumes, batidos, biscoitos, “boleardos” caseiros, mel caseiro, marmeladas variadas, froitas caseiras (en temporada), etc. O xantar e a cea compóñense dun primeiro e dun segundo prato, sobremesa, bebida (auga, viño, refresco ou cervexa), pan e café. Xeralmente, prepárase un menú caseiro, feito especialmente para os nosos hóspedes e elaborado fundamentalmente por pratos típicos da nosa gastronomía. O equipo de cociña escolle e elabora un menú distinto para cada día.
E, por suposto, se o menú non é do agrado do hóspede, sempre poderá facer outra petición ou, se o prefire, dirixirse ao noso restaurante exterior, onde poderá comer e cear á carta.
 
Biblioteca Tía Pepa
Este é o lugar máis auténtico da casa. Antigamente era a cociña do pazo e mostra disto é a “lareira” que aínda se conserva, e que lle proporciona á casa ese ambiente tan acolledor.
Na actualidade, esta cociña converteuse nun lugar que incita ao descanso e á lectura, pero, non obstante, quíxose manter unha parte da súa orixe e, por iso, todo aquel que o visite terá a posibilidade de repoñer forzas pola tarde tomando unha infusión, un café, un refresco, etc., que un mesmo poderá prepararse.
O nome da biblioteca, “a Tía Pepa”, vén dunha muller que naceu nesta casa e que pasou a maior parte da súa vida na cociña entre olas e pucheiros, un dos seus lugares preferidos. As súas receitas aínda seguen vivas e a súa paixón pola cociña transmitiuse á actual xeración que compón a familia do Pazo da Escola.


 
Sala de Música - San Sebastián
Aquí, un pode permanecer durante horas escoitando música de todos os estilos e épocas. Este lugar, bautizado como San Sebastián, débese a un santo venerado en Mañufe, concretamente nunha capela do barrio que leva este mesmo nome. A capela, situada nun monte, constitúe un excelente miradoiro desde o que se poden apreciar as vistas que alcanzan a baía de Baiona e praia América.


 
Restaurante
Os salóns

O restaurante está composto de dous salóns independentes, pero comunicados entre si. A súa capacidade é de, aproximadamente, uns setenta comensais e está situado no antigo alpendre do pazo. Restaurado co maior coidado, intentouse manter a estética que posuía antano, e conserváronse, por exemplo, as antigas columnas de pedra ou as vigas de madeira no interior do restaurante. Independentemente do hotel, este restaurante está deseñado para lles ofrecer o mellor servizo a todas as persoas que, estando ou non hospedadas no pazo, queiran saborear os pratos que alí se preparan.
Para as reunións e grandes acontecementos, o restaurante pon en marcha un servizo de carpa exterior, situada ao lado dos xardíns para gozar dun ambiente diferente. Tomar un aperitivo ao aire libre, gozar do bo tempo, estar en contacto directo coa natureza fai posible que os comensais gocen das vistas dunha forma máis próxima á natureza.
Todos os pratos que se elaboran na cociña do restaurante son típicos da zona e da cociña tradicional galega. Mariscos da ría, peixes (rodaballo, peixe sapo...), carnes galegas (cordeiro, tenreira, raxo de porco...) e verduras cultivadas en Mañufe. Ademais, complementando estas delicias, está a nosa ampla carta de sobremesas caseiras, legado dos nosos antepasados e herdado de xeración en xeración (leite fritida, filloas borrachas, filloas, torta de roxóns...), todo isto elaborado como antano e regado cos nosos mellores viños. Así é como facemos que o noso restaurante Pazo da Escola sexa algo inesquecible para todo aquel que o visite.









 
O contorno
   
O Pazo da Escola está rodeado, aproximadamente, duns 10.000 m² de terreo onde atopamos construcións típicas de pazos: a eira de pedra, na que se moía o gran, agora convertida nunha terraza onde descansar; o canizo, onde se gardaba o millo recollido e, alí mesmo, no alto, un reloxo de sol.
Ao longo e ancho do terreo atopamos todo tipo de árbores ornamentais, como camelias típicas de pazos, froiteiras (maceiras, castiñeiras, nogueiras, ciroleiras, pereiras...) e cepas de viño albariño. Tamén dispomos dun espazo para albergar os diferentes tipos de animais —coellos, porcos, galiñas, ovelas, cans, etc.) sen os que non sería o mesmo, xa que estes animais conforman a nosa particular granxa. E non hai que se esquecer da nosa horta, dedicada ao cultivo de hortalizas.
A escasos metros, no exterior do terreo, está a igrexa e o adro parroquial de San Vicente de Mañufe, motivo polo que non hai capela no interior do pazo (típica construción destas edificacións).