O Pazo da Escola é un establecemento de turismo rural implantado na edificación de liñaxe denominada Pazo de Mendoza. Situado no barrio da Moreira en Mañufe, foi fundado no século XVIII por D. Policarpo de Mendoza.

Recentemente restaurado, o pazo ten forma de U, con bodegas e cortes, así como patio interior e soportais. Na primeira planta atopábanse as dependencias da vivenda e consérvase a cheminea orixinal, de gran beleza e considerables dimensións.

Os ocos neste pazo presentan unhas dimensións maiores ca na xeneralidade dos pazos similares; e no lateral leste da ala norte presenta un gran brasón coas armas dos Mendoza.
Toda o terreo está valado cun muro de dous metros de alto aproximadamente. Polo lateral sur e lindeiro co camiño, existen dúas portadas de acceso: unha de pequenas dimensións e a segunda, que é a principal, situada á dereita da anterior.

No exterior do edificio atopamos múltiples referencias aos traballos agrícolas da época, mostra disto é a peculiar eira de pedra para mallar o trigo e outros cereais. Así mesmo, posúe un canizo de xenerosas dimensións, cun reloxo de sol na parte superior nun estado de conservación bastante aceptable.

Por último, cómpre comentar que este pazo non posúe capela no seu interior (algo característico neste tipo de edificacións), debido á proximidade da igrexa parroquial, que se atopa xusto ao outro lado do camiño.